xoves, 12 de setembro de 2013

Petición ao Parlamento de Galiza: Institucionalización do 17 de Agosto como Día da Galiza Mártir

Dirigida a Pilar Rojo Noguera

 Petición creada por Fundación Alexandre Bóveda

A primeira vez que os dereitos e liberdades nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e políticamente incardináronse dentro do marco constitucional da IIa República española, coa abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía galego o 28 de Xuño de 1936.

Poucas semanas máis tarde producíuse a sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado español, instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIa República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas en Febreiro do mesmo ano de 1936; gañadas polo Frente Popular.

Logo desa sublevación anticonstitucional e antidemocrática, milleiros de cidadáns e cidadás, galegos e galegas, nacionalistas ou non; mais demócratas en todo caso, e todos e todas leais e fieis ao réxime constitucional republicano, ás liberdades democráticas vixentes e máis ao Estatuto de Autonomía de Galiza xa plebiscitado, foron asasinados/as sen xuízo previo ou executados/as por sentenzas de tribunais títeres das forzas sublevadas. Outros/as, coñecidos/as popularmente como fuxidos/as, pasaron á resistencia armada na guerrilla antifranquista e foron perseguidos/as durante décadas até o seu completo exterminio. Moitos/as máis aínda padeceron o exilio e, nel, seguiron a loitar polo restablecemento das liberdades individuais e colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza e no Estado español.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum “Galicia Mártir” a todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento político, o libro “Sempre en Galiza”, e máis a quen el ergueu á categoría de símbolo de todas no seu descurso “Alba de Gloria”, foi Alexandre Bóveda Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira o 17 de Agosto de 1936.

Na citada colección de estampas existe unha que foi enormemente difundida, coñecida e comentada, que se denomina “A derradeira lección do mestre” da que os/as coetáneos/as de Castelao, os/as seus/súas colaboradores/as, persoas que coñeceron e que mesmo estiveron ao pé del nos momentos nos que éste compuxo o álbum, afirmaban que a persoa que xace morta no chan ten a faciana e os trazos exactos de Bóveda.

Castelao fíxolle así unha primeira homenaxe a un home cristián e crente que á hora de tomar unha decisión entre as súas crenzas individuais, aplicadas miméticamente aos esquemas ideolóxicos, sociais e políticos da época, ou a lealdade ao seu país, optou por manterse fiel ao insobornábel compromiso político de liberdade da súa Patria.

Bóveda fixo da Vila de Pontevedra un escenario privilexiado para desenvolver os seus proxectos. Alí uníronse Castelao e Bóveda e xuntos participaron de andainas sociais, culturais e políticas nunha das etapas máis fecundas da historia da cidade capitalina: fixeron parte da Coral Polifónica; colaboraron no proxecto reformista de Daniel de la Sota -Presidente da Deputación de Pontevedra-, do que xurdirían empresas de longo percorrido coma o Museo de Pontevedra, a Misión Biolóxica de Galiza -dirixida por Cruz Gallástegui Unamuno-, as Pensións Artísticas da Deputación -que deron unha extraordinaria xeración de artistas-, mais sobre todo a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, obra persoal dun novísimo Alexandre Bóveda, que en 1930 foi nomeado primeiro Director da institución con tan só 26 anos.

Alexandre Bóveda, xunto a Lois Tobío, Carvalho Calero e Vicente Martínez-Risco, foi o vertebrador do Anteproxecto de Estatuto que elaborou o Seminario de Estudos Galegos; defendéndoo na decisiva Asemblea de Concellos celebrada en Compostela do 17 ao 19 de Decembro de 1932, e asumindo a responsabilidade e a tarefa histórica de impulsar o laborioso proceso de aprobación do propio texto estatutario, culminado finalmente co apoio cidadán maioritario no referendo do 28 de Xuño de 1936.

Logo do levantamento militar fascista de Xullo de 1936, Bóveda foi xulgado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e, acusado de traizón, foi condenado a morte; cumpríndose a sentenza co seu fusilamento na mañá do 17 de Agosto de 1936 na Caeira (Poio). Esta condena a morte e o posterior asasinato de Alexandre Bóveda constitúen unha inxustiza histórica que debe ser reparada mediante a recuperación e a rehabilitación institucional da súa figura, así como a divulgación do seu inxente traballo a favor da causa da liberdade, da democracia e do progreso de Galiza.

Nos últimos anos sucedéronse distintos acordos institucionais que tiñan como obxectivo o recoñecemento da figura humana e política de Alexandre Bóveda: a homenaxe institucional do Concello de Poio, o nomeamento por aclamación como Fillo Predilecto de Ourense, adoptado na Corporación Provincial ourensá, e máis recentemente o nomeamento de Fillo Adoptivo da Cidade de Pontevedra, xunto coa concesión da medalla de ouro de Pontevedra, polo que, con esta petición, demandamos do Parlamento de Galiza que honre a todas as persoas mártires da liberdade na Historia do pobo galego, institucionalizando como Día da Galiza Mártir o 17 de Agosto, cabodano da morte de quen Castelao converteu en símbolo de todas elas, o cidadán galego Alexandre Bóveda Iglesias, e máis a rehabilitación pública e política do propio Bóveda e de todos/as os/as mártires da liberdade que él mesmo simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo.

O Parlamento é a Cámara de representación de todos os galegos e galegas e, daquela, demandamos dela que recoñeza a Bóveda e a todos/as os/as mártires galegos, como unha institución que represente verdadeiramente ao noso pobo, na referencia aos valores humanos e democráticos que fican mentados.

Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no Artigo 4.1 da Lei Orgánica 4/2001, de 12 de Novembro, reguladora do Dereito de Petición, instamos ao Parlamento de Galiza:

.- A declarar e instituir como “Día da Galiza Mártir” o día 17 de Agosto de cada ano, con carácter de celebración nacional na Comunidade Autónoma de Galiza e xornada non laborábel no seu ámbito territorial, en memoria e homenaxe de todos/as os/as cidadáns e cidadás galegos/as que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, plasmados dentro do marco constitucional daquela vixente, no 1o Estatuto de Autonomía de Galiza, plebiscitado o 28 de Xuño de 1936.

.- A incoar a revisión do proceso seguido e condena a morte ditada contra o dirixente do Partido Galeguista, Alexandre Bóveda Iglesias, por un tribunal das forzas antodemocráticas sublevadas contra do réxime constitucional da IIa República española, e executada en Poio o día 17 de Agosto de 1936.

.- A rehabilitar, de xeito institucional, pública e políticamente a figura de Alexandre Bóveda Iglesias e, simbólicamente expresada nela, a de todos/as os/as cidadáns e cidadás mortos/as en Galiza, a partires de Xullo de 1936, en defensa da mesma causa pola que foi executado Bóveda.

.- A promover institucionalmente a celebración de actos protocolares da devandita rehabilitación pública e política para o primeiro “Día da Galiza Mártir” que se conmemore.

Pontevedra, 17 de Agosto do 2013.
Podedes asinar esta petición no seguinte enlace:

Ningún comentario:

Publicar un comentario