martes, 14 de febreiro de 2012

Rúa Manuel Fraga en Monforte de Lemos

Aberto un prazo para alegar contra a rúa Manuel Fraga
Unha asociación de historiadores di que o acordo do pleno ofende ás vítimas do franquismo
Carlos Cortés. Monforte / a voz 11 de febreiro de 2012 http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2012/02/11/abierto-plazo-alegar-contra-calle-manuel-fraga/0003_201202M11C2991.htm

A polémica decisión de adxudicarlle ao segundo tramo da rolda urbana de Monforte o nome de Manuel Fraga foi publicada onte polo Concello no Boletín Oficial da Provincia (BOP). É un paso obrigado, previsto polo regulamento municipal, algo que en calquera outro caso pasaría desapercibido. Neste caso, con todo, é posible que o prazo de presentación de alegacións non pase sen pena nin gloria. Mentres tanto, a polémica segue sumando opinións. A última, a dunha asociación de historiadores, que lle acaba de enviar unha carta ao alcalde na que lle pide que revogue o acordo.

O anuncio publicado onte é o primeiro que se fai en aplicación da ordenanza asinada o 16 de xuño do ano pasado polo alcalde, Severino Rodríguez, na que se regula a denominación e rotulado das vías públicas do municipio, así como a súa numeración. Esa normativa nacía para adoptar as recomendacións efectuadas ao Concello polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para corrixir as deficiencias existentes na numeración dalgunhas rúas, que complican a identificación dos residentes no padrón municipal.

Pero tamén é de aplicación en casos como este, de novas denominacións para as rúas. A ordenanza establece que a capacidade de elixir nomes é competencia do pleno da corporación, pero marca un prazo de vinte días durante o cal quen senta prexudicado pola decisión pode presentar alegacións para tratar de impedir a entrada en vigor do novo nome. Se non se presentasen reclamacións, pasados os vinte días, o acordo do pleno sería firme.

O anuncio enviado ao BOP polo Concello especifica que o tramo de rúa que será denominado «Manuel Fraga Iribarne» será o anaco da circunvalación urbana que lle dá continuidade a róldaa María Emilia Casas Baamonde e une a rúa Chantada, desde a coñecida como rotonda do hórreo. coa de Ourense.

Repulsa enérxica

En relación con esta polémica, a Asociación Galega de Historiadores fixo público esta semana na súa páxina web o contido dunha carta enviada ao alcalde pola dirección deste colectivo sobre a decisión de porlle o nome de Fraga a unha rúa.

A asociación manifesta a súa «enérxica repulsa» e invita ao alcalde a que presente el mesmo unha moción para corrixir o que eles consideran como unha falta de respecto aos represaliados durante o franquismo. Os responsables deste colectivo de historiadores sosteñen que o goberno local monfortino débelle unha «urxente reparación ás vítimas do franquismo» e suxírelle ao alcalde que esa compensación debería ser «pública, inmediata e ir alén dás palabras».

A Asociación Galega de Historiadores foi fundada en 1990. A carta ao alcalde monfortino a firma o seu presidente, Carlos Velasco Souto.